Reunión informativa aberta á veciñanza sobre o proxecto do Parque eólico Caaveiro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Segunda reunión informativa veciñal este sábado en Neda para informar sobre o proxecto do Parque eólico Caaveiro, presentado por Enel Green Power, que contempla a instalación de 14 aeroxeneradores en San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas. A cita celebrarase como a de onte, no polideportivo do Roxal, a partir das 18,30 horas.

Neste caso, contará coa asistencia de Xavier Simón, experto do Observatorio Eólico de Galicia, entidade de carácter técnico independente integrada pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto, experta no asesoramento nesta materia.

Deste xeito, o Concello quere que os veciños teñan unha información o máis precisa e clara posible sobre este proxecto que quere impulsar a eléctrica italiana na zona. Trátase pois de que o conxunto da poboación coñeza as súas implicacións sobre a contorna e, de ser o caso, actúe na defensa dos seus dereitos e intereses.

Cabe recordar que o Ministerio de Política Territorial e Función Pública anunciaba a  mediados de xuño a apertura do prazo de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental e máis da solicitude de autorización administrativa previa deste parque eólico. E ata o 27 de xullo pódense presentar alegacións ante Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.

O proxecto de Enel que afecta a Neda forma parte dun conxunto de seis parques eólicos situados na zona noroccidental da provincia da Coruña, en desenvolvemento por parte de Enel Green Power España S.L. e cunha potencia instalada conxunta de 611 MW. Todos contarían cun mesmo punto de conexión á rede, a Subestación de REE As Pontes (posición Grupo 3 da Central Térmica).

 

Share.

Comments are closed.