O Concello de Neda informa de que efectivos da Policía Local e da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda participarán o próximo martes, xunto a integrantes dos corpos de seguridade de Narón, da Axencia de Emerxencias de Galicia, 061, Cruz Vermella e Salvamento marítimo nun simulacro de catástrofe natural na desembocadura do río Xuvia. A actividade, organizada pola Universidade da Coruña e a Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias está orientada a analizar, e mellorar a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia.
As inmediacións da ponte de Xuvia será escenario o día 9, entre as 9 e as 11.00 horas, deste exercicio, que se completará na ensenada da Gándara, para avaliar os protocolos de actuación dos corpos de seguridade ante un hipotético incidente como sería a rotura parcial da parede da presa do Rei, xerando unha saída incontrolada da auga acumulada, e unha crecida repentina do río augas abaixo.
A simulación enmárcase no proxecto europeo Covalex, que lidera a Cátedra de Protección Civil e xestión de emerxencias do Campus de Ferrol, orientado a establecer unha comunidade de expertos coa presenza de universidades, axentes de emerxencias de protección civil, e empresas de distintos países europeos, para abordar o impacto dos desastres hidrometeorolóxicos, e aqueles derivados de factores multirrisco, creando sistemas de protección civil máis sólidos. De feito, participarán como observadores delegacións de Italia, Austria ou Grecia.
O simulacro incluirá medidas ante distintos escenarios provocados pola hipotética rotura da presa (activación de alertas, evacuacións, control de tráfico; seguimento en zonas complexas do río e rescate en auga) e non implicará cortes de tránsito, agás en momentos puntuais (por exemplo, o momento de acceso da ambulancia).
Os concellos de Narón e Neda subliñan a importancia desta iniciativa, de cara a mellorar a resposta das forzas e corpos de seguridade ante episodios dramáticos, consecuencia de catástrofes naturais, como o acontecido o pasado mes de novembro no noso municipio.