O Concello programa o vindeiro domingo o espectáculo musical infantil “Güela-Güela”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello programa o vindeiro domingo, a partir das 18.30 horas, na Casa da Cultura de Neda o espectáculo “Güela -Güela”. Trátase dunha montaxe infantil da compañía Galitoon Muppets, baseada no cadro “Concerto de aves” do artista flamenco Frans Snyders, e cunha mensaxe para os máis pequenos da casa sobre a amizade, a solidariedade, e a familia. As entradas poderán mercarse na biblioteca municipal este martes e mércores, así como o día da función.

Dirixida a nenos e nenas de dous anos en adiante, esta obra musical de marionetas conta a historia de Güily, unha pequena cegoña que cre que xa é maior dabondo para incorporarse ás bandadas de reparto, que teñen a misión de levar, colgados dos seus peteiros, os bebés cos seus proxenitores. A comunidade oponse, pero un descoido do grupo de reparto brindaralle ao principiante a oportunidade de facerse cargo dun pequerrecho ben especial.

Este é o punto de partida da obra de Galitoon Muppets, chea de diversión, humor e música, e pensada para gozar en familia. Con guión e dirección de Chisco Casteleiro, a obra ensina aos nenos e nenas a importancia de “non viaxar sos” e de “voar” sempre en grupo para protexerse dos perigos que se poden atopar.

As entradas do espectáculo, que forma parte do ciclo de “Teatro en familia” de Neda, teñen un coste de 1 euro para o público infantil e de 2 euros para as persoas adultas. Poden mercarse de forma anticipada o martes e mércores, de 9 a 13 horas e de 16 a 20. E o domingo, de 12 a 14 horas, e a partir das 17 horas.

Share.

Comments are closed.