Martes, Decembro 3

Neda homenaxeará este venres a tres das madres máis veteranas da localidade no seu “I Festival Día da Nai”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda adianta a este venres a celebración do Día da Nai. E faino coa celebración dun festival no que pretende render homenaxe institucional ás madres máis lonxevas do municipio. Será un acto especial no que terá importante presenza a música.

Durante o festival, que arrincará ás 20 horas na Casa da Cultura, a administración local distinguirá a tres das nais máis veteranas do municipio. Pilar Rico Suárez, nacida en agosto do 1924; Beatriz Torrente Vivero e Manuela Soto Meizoso, nacidas no 1928, aceptaron o convite municipal e sumaranse xunto aos seus familiares a esta celebración.

Na cita haberá tempo para a lembranza de vivencias e tamén, como non, para o recoñecemento da experiencia e sabedoría destas veciñas, que teñen contribuído á construción do que hoxe é Neda.

Tampouco faltará a poesía e a música. E así, o tributo musical a estas mulleres chegará da man das rondallas Só elas e Lucero del Alba, que estreará un tema dedicado a Neda, e máis do grupo de acordeóns da escola de música BellónMaceiras. O “I Festival Día da Nai” estará conducido pola nedense Ana Berta Varela.

Share.

Comments are closed.