O Concello de Neda organiza unha excursión de 2 días con paradas na Fortaleza, Vigo e Santiago

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda organiza unha viaxe de 2 días á localidade portuguesa da Fortaleza e ás cidades de Vigo e Santiago. Terá lugar os días 15 e 16 de decembro, ás portas do Nadal, e a inscrición abrirase o vindeiro 25 de outubro ás 9,30 h. Será preciso apuntarse no departamento municipal de Servizos Sociais, e abonar a cuota nese momento: 40 euros para residentes en Neda e 60 para non residentes. As prazas, limitadas, cubriranse por orde de inscrición.

A viaxe programada polo Concello partirá ás 8 h do mércores 15 de decembro da casa consistorial. Dende alí, o autocar dirixirase con destino á Fortaleza. Nesta localidade darase un tempo libre aos participantes para que desfruten da vila e da súa tradicional feira dos mércores. Xa ás cinco da tarde, a excursión tomará rumbo cara a cidade olívica, engalanada eses días co seu espectacular alumeado de Nadal que poderán desfrutar ata as 23 h, hora prevista para dirixirse ao hotel Ipanema (de tres estrelas).

Ao día seguinte, xoves 16, e tralo almorzo no hotel, os excursionistas dirixiranse a Compostela para percorrer o seu casco histórico e visitar a Catedral neste Ano Santo. O regreso está previsto para as 20 h.

O custe da viaxe inclúe os desprazamentos en autocar, aloxamento no hotel e almorzo tipo buffet neste.

Share.

Comments are closed.