O Concello de Neda pon en marcha este mércores unha nova proposta destinada a apoiar, no actual contexto social e económico, o comercio de proximidade. A acción promocional leva por título “A supercompra gratis de Neda” e busca contribuír a incentivar o consumo nos establecementos comerciais da vila, neste meses, previos á campaña de Nadal que, tradicionalmente, son frouxos no que atinxe ás vendas.
A proposta basearase no sorteo de tres vales regalo por importe de 200 euros cada un entre a clientela daqueles comercios que decidiron sumarse á campaña. Así, do 20 de outubro ao 6 de novembro, por cada compra superior aos 10 euros, as persoas que merquen nos negocios adheridos á campaña obterán unha papeleta. Este boleto terán que cubrilo cos datos de contacto e depositalo nas urnas de cartón que haberá nos locais instaladas para participar no sorteo municipal, que terá lugar na Casa do Concello, ante o secretario municipal, na segunda semana de novembro.
As persoas agraciadas deberán canxear o premio no día que fixe o Concello en calquera dos establecementos que colaboran na campaña. Deste xeito, ademais de premiar a fidelidade das persoas que mercan nos negocios de Neda, buscando evitar que saían da localidade para facer as súas compras e axudando á economía familiar dos veciños, a iniciativa suporá un pequeno pulo extra ás vendas.
Ao redor de 40 comercios de distintos sectores poderán beneficiarse de “A supercompra gratis de Neda”, sendo o sector da alimentación (con ata 10 panaderías, ademais de ultramarinos e tendas, peixerías…) o máis representado. Con todo, hai variedade: electrodomésticos, florería, xoiaría, téxtil, moda do fogar, servizos de estética, produtos para mascotas… todos comercios de proximidade.
Coa activación desta campaña o goberno municipal dá continuidade ás propostas de dinamización comercial do proxecto “QuedaEnNeda”, que anteriormente incluíra, entre outras actividades, a presentación nas redes da oferta de negocios da vila interesados en promocionarse ou o sorteo de cestas de produtos de “Grazas por elixirnos”. En fase de preparación, atópanse campañas específicas para outros sectores, como o da restauración, que tomarán a testemuña de “A supercompra gratis”.
Consulta aquí as bases da acción promocional A SUPERCOMPRA GRATIS DE NEDA