Un total de 508 veciños e veciñas sumáronse ás alegacións ao Parque Eólico Caaveiro elaboradas polo Concello de Neda. Unha cifra moi significativa que dá boa conta da oposición ao proxecto por parte da cidadanía. Todas elas foron redactadas no marco das reunións organizadas pola Administración local en Viladonelle, Anca e Neda para ofrecer información, asesoramento legal e tamén apoio na tramitación dos escritos. Nesta liña, o Concello agradece a implicación e loita da cidadanía e tamén a axuda dos técnicos, así como o traballo realizado dende a plataforma veciñal NEDA DI NON. Agora, o Concello presentará en tempo e forma as alegacións, xunto cun informe pericial de prevalencia.
Así mesmo, a Administración local quere amosar a súa adhesión á manifestación convocada para este sábado pola mañá pola plataforma veciñal NEDA DI NON contra o Parque Eólico Caaveiro, e anima á cidadanía a secundar a marcha coa súa participación. Partirá da casa consistorial ás 11.30 horas, en dirección ao Puntal.
Ademais, o próximo luns, prevese a aprobación en pleno dun manifesto institucional consensuado polos grupos municipal en contra do parque.
Entre os argumentos que esgrime o Concello nas súas alegacións está a vulneración da Directiva europea relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres; os prexuízos significativos e incompatibles co benestar das familias que residen e viven en núcleos poboacionais afectados; os prexuízos significativos e incompatibles cos valores paisaxísticos das comarcas afectadas e coa protección dos seus valores medio ambientais; a afectación severa e incompatible co desenvolvemento turístico das comarcas afectadas e a promoción do Camiño de Santiago, co patrimonio cultural e arqueolóxico, así como xeolóxico e xeomorfolóxico; o impacto hidrolóxico ou sobre a fauna e, máis nomeadamente, determinadas especies, ou os prexuízos irreparables para explotacións forestais, madereiras e agrogandeiras, así como o seu impacto na demografía, favorecendo un despoboamento do rural.
Así, o Concello de Neda solicita que, en base ás alegacións, se desista e arquive o proxecto do Parque Eólico e todas as súas infraestruturas, así como que se rexeite o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa.