O Concello de Neda preparou un completo programa de lecer para este verán pensado única e exclusivamente para que os máis pequenos da casa o pasen en grande. Trátase de Miúdo Verán. Contempla teatro, cine, música e circo, e arranca xa o próximo xoves 29 de xullo en Albarón. Así, a partir das 20 horas, Teatro Ghazafelhos representará a súa obra “A máquina do tempo”, unha peza que ilustra dun xeito ameno e pedagóxico a historia das civilizacións.
O calendario continuará o 5 de agosto na polideportiva do Roxal cunha sesión de cine nocturno. Nenos e nenas poderán desfrutar do filme de animación Espías con disfraz a partir das 22 horas. Á semana seguinte, o día 12 de agosto ás 20 horas, o parque do Principiño será o escenario do espectáculo “Rockeamos todas con Pakolas”. O coñecido músico interpretará en directo unha selección dos seus propios temas, revisados e rigorosamente escollidos para a ocasión, nos que as protagonistas son ELAS: nenas, nais, inventoras, heroínas, doutoras, figuras femininas que tratan de poñer en valor a importancia de vivir en igualdade, de historias contadoras de superación de desigualdades, e de loita polo respecto e a liberdade.
E finalmente o 26 de agosto ás 20 horas, a compañía galega Desincronacidas traerá ao campo de Subarreiros a súa función de novo circo OhLimpiadas. Nel, e sobre a base do humor, fusionan outras disciplinas como o circo e a danza. Unha proposta fresca e divertida na que dúas limpadoras ven como a súa rutina é retransmitida coma se dunha competición olímpica se tratase.
En todos os casos, os protocolos covid-19 establecen a limitación de aforo, co que nenos e maiores interesados nestas propostas deberán reservar a súa praza chamando ao 981 39 02 33 en horario de 10 a 14 h dende os luns precedentes ás funcións.