Fomentar hábitos de vida saudables a través da práctica deportiva é un dos obxectivos das Andainas Saudables que organiza o Concello de Neda. Outro deles é dar a coñecer o extraordinario patrimonio natural do municipio. Así, programa no calendario 2 rutas circulares pensadas para toda a familia, de 2 horas de duración e dificultade media baixa e baixa. A primeira delas terá lugar o sábado 31 de xullo, a partir das 9,30 horas, e discurrirá por Albarón, Mourela do Medio, Escorial, Cruz do Pouso, Mirador de Ancos, Casadelos, e regreso a Albarón. A segunda, prevista para o sábado seguinte, 7 de agosto, terá como punto de partida a polideportiva do Roxal, e tomará rumbo a Foxos, Fontevella, Gandarela, Escorial, Mosteirón, Mourela de Aabaixo e sendeiro do Río Belelle.
A inscrición está aberta en ambos casos, e o prazo concluirá para a primeira o venres 30 de xullo, e para a segunda, pecharase o venres 6 de agosto. Iso si, sempre que non se cubran antes as 40 prazas ofertadas. Debe formalizarse nos seguintes teléfonos: 981 39 02 33 (de luns a venres de 9 a 14,30 h) e 667 393 192 (de luns a venres de 17 a 20 h). A participación é completamente gratuíta.