Aberta a preinscrición para o campamento deportivo de verán da Deputación

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A Deputación da Coruña mantén aberto ata o 28 de maio o prazo para que que os rapaces e rapazas da provincia soliciten prazas para os campamentos deportivos de verán. Os menores de Neda, e do resto de Ferrolterra, participarán na quenda que se desenvolverá do 21 ao 26 de xullo. As solicitudes deben presentarse no rexistro municipal.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, na Coruña. O prezo da proposta, de seis días de duración, é de 85 euros, incluíndo transporte, estadía e manutención, así como o gasto das actividades.

Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en zonas de interese na provincia da Coruña. As actividades e xogos buscarán fomentar a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.

As familias teñen ata o 28 de maio para apuntar aos menores no rexistro xeral do Concello, botando man da folla oficial de inscrición. En caso de que as solicitudes superen o número de prazas asignadas ao municipio (tres), procederase ao sorteo.

Segundo apuntan dende a Deputación, entre o equipamento recomendado pola organización para a estadía dos rapaces figura roupa de rúa e deportiva, toallas e útiles de aseo, saco de durmir e lanterna, gafas de sol, crema protectora, chuvasqueiro e mochila.

FICHEIRO DE INSCRICIÓN

Share.

Comments are closed.