O Concello de Neda vén de publicar na páxina web municipal www.neda.gal as ALEGACIÓNS PARQUE EÓLICO , actualmente en fase de información pública do estudo de impacto ambiental e autorización administrativa previa. Quere deste xeito facilitar a súa consulta por parte da veciñanza e, en todo caso, a participación daquelas personas interesadas en sumarse ás alegacións municipais. Neste último caso, no portal web tamén poderán atopar o ESCRITO ADHESIÓN ALEGACIÓNS1 para adherirse. E, complementariamente, estanse a celebrar as reunións veciñais para ofrecer asesoramento legal e facilitar este trámite. Hoxe, no local da AVV de Viladonelle (ata as 21,30 horas); mañá e mércores de 16,30 a 21,30 no local social de Anca, e o xoves, no mesmo horario, na Casa da Cultura de Neda.
Entre os argumentos que esgrime o Concello nas súas alegacións está a vulneración da Directiva europea relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres; os prexuízos significativos e incompatibles co benestar das familias que residen e viven en núcleos poboacionais afectados; os prexuízos significativos e incompatibles cos valores paisaxísticos das comarcas afectadas e coa protección dos seus valores medio ambientais; a afectación severa e incompatible co desenvolvemento turístico das comarcas afectadas e a promoción do Camiño de Santiago, co patrimonio cultural e arqueolóxico, así como xeolóxico e xeomorfolóxico; o impacto hidrolóxico ou sobre a fauna e, máis nomeadamente, determinadas especies, ou os prexuízos irreparables para explotacións forestais, madereiras e agrogandeiras, así como o seu impacto na demografía, favorecendo un despoboamento do rural.
Así, o Concello de Neda solicita que, en base ás alegacións, se desista e arquive o proxecto do Parque Eólico e todas as súas infraestruturas, así como que se rexeite o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa.