Iniciadas as obras de pavimentación de cinco camiños municipais en Santa María

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda vén de poñer en marcha as obras contempladas no proxecto de pavimentación de camiños na zona de Santa María. Trátase dunha intervención destinada a mellorar a seguridade viaria nun total de cinco vías de acceso a vivendas situadas na contorna urbana do municipio.

Ao longo desta semana, na rúa Toeleira, na vía que une Coto e Principiño, na pista de Ribeira de Santa María, no camiño do Regueiro e noutro camiño lateral en Médico Cebreiro estase a vivir un continuo ir e vir de maquinaria e traballo. De forma escalonada, Canarga, empresa adxudicataria dos traballos está a materializar o plan de obras destinado á recuperar camiños que, polo paso do tempo e tamén polo uso, presentaban unhas condicións deficientes.

Nas cinco vías municipais procederase á limpeza das cunetas, ao rebacheo das zonas máis deterioradas do firme, á extensión da capa de aglomerado asfáltico en quente (onte se iniciaba en Toeleira e na pista da Ribeira de Santa María) e, finalmente rematará co pintado da calzada. A opción do aglomerado dará unha solución máis duradeira, rebaixando custes de mantemento.

As obras, adxudicadas por algo máis de 86.000 euros, están sufragadas con fondos propios, buscan contribuír a optimizar a seguridade viaria tanto dos condutores e condutoras como dos peóns, que utilizan habitualmente estas vías. Pola súa localización, foi preciso contar coas autorizacións de distintas administracións e entidades públicas (Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio, Demarcación de Costas, Deputación da Coruña e Ministerio de Transportes) o que retrasou as actuacións.

PRÓXIMAS OBRAS

Este lote de melloras en vías públicas e só o primeiro dos que chegarán nas próximas semanas. Xa contratadas e pendentes de arrancar proximamente están, entre outras, as obras de pavimentación da pista dos Foxos, a de Carballal, o acceso á local social de Anca, Liñares-Os Tortos, As Barreiras e Riocobo, Vila de Anca e Porta da Pena.

Share.

Comments are closed.