A corporación municipal de Neda aprobaba onte en pleno os proxectos que financiará este ano co cargo ao POS+ e ao POS Adicional da Deputación provincial da Coruña. En suma, 450.818,22 euros. No primeiro caso, o Concello daba luz verde ás obras de acondicionamento do camiño entre Forxá e Castiñeiro, que contemplan a súa pavimentación e mellora da rede de pluviais, cun orzamento base de licitación cercano aos 52.000 euros, e á intervención de mellora da seguridade vial no vial AC-862, que cun presuposto lixeiramente superior aos 55.000 euros, permitirá a renovación de 110 metros de varandas nesa vía.
En canto ao POS Adicional, o Concello aprobaba outras 4 intervencións: a mellora da eficiencia enerxética do inmoble da Casa da Cultura coa substitución das fiestras; a renovación da rede de abastecemento de auga dende o centro de saúde ata a Mourela; a renovación da rede de abastecemento na rúa O Carreiro, e a reforma integral do parque infantil da ribeira de Xubia coa súa transformación nunha zona de xogos completamente accesible e inclusiva.
Nun e noutro caso, as actuacións contaron co respaldo dos grupos municipais do PSOE, PP e BNG, e a abstención de Moveneda. A unanimidade chegou na votación do destino dos fondos do POS Social, que permitirán cubrir gastos derivados da prestación do servizo de axuda no fogar e das axudas de emerxencia social.