Conclúe a restauración do firme das dúas rúas principais do casco histórico de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda dá definitivamente por finalizados os traballos de restauración do pavimento das rúas Paraíso e Real, as principais do casco antigo. A posta a punto realizada contribuíu a mellorar a imaxe destas vías, moi transitadas pola veciñanza e máis polos peregrinos, e mellorou a seguridade dos viandantes, reducindo os riscos de caída derivados das deficiencias que presentaba.

Ao longo de mes e medio, a firma Conscyc 2020 SL procedeu á substituír todas as baldosas de granito destas rúas, que se encontraban rotas, ademais de acondicionar o firme naqueles espazos nos que se atopaba afundido. En total, reparáronse máis de corenta puntos ao longo dun percorrido de ao redor de 600 metros de lonxitude, dende as inmediacións de Santa María ata a contorna da praza da reitoral.

A administración local e Turismo de Galicia, no marco do seu programa de embelecemento do litoral, investiron máis de 42.000 euros na reparación destas vías, que forman parte do itinerario do Camiño Inglés a Santiago. De feito, conforman a ruta pola que entran e saen os peregrinos da Neda de orixe medieval.

Na segunda quincena de febreiro, as rúas Paraíso e Real foron recuperando a normalidade (apertura ao tráfico e volta dos colectores de lixo aos seus emprazamentos orixinais) a medida que avanzaban os traballos. O proceso se completaba esta semana coa substitución dunhas lousas en mal estado na Praza da Rectoral.

Share.

Comments are closed.