Neda recibirá o vindeiro luns a visita da Ciencieneta. Un proxecto itinerante, impulsado pola Asociación Asíntota, que busca achegar a ciencia á poboación más nova das localidades galegas. A singular furgoneta recalará nas inmediacións da piscina en horario de tarde coa súa orixinal proposta, que combina retos científicos, música e bo humor.
A iniciativa, froito da colaboración da entidade coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, chega á vila, a partir das 19.30 horas, co obxectivo de amosar que a ciencia pode resultar ben divertida. A partir dese momento activarase todo un espectáculo científico, deseñado para garantir que a xente moza poida conectar con mundo científico de forma atractiva e positiva.
Sen un programa pechado, A Ciencieneta ofrece, en función do público asistente, dende obradoiros interactivos, ata retos científicos. A iniciativa, aínda que pensada fundamentalmente para nenos e nenas, está aberta ao conxunto das familia.
A actividade, que vén a reforzar a programación de lecer infantil, deseñada polo Concello de Neda para este verán, será totalmente de balde. E para participar bastará con achegarse o 21 de agosto, á hora fixada, á contorna do parque de Subarreiros.