O ciclo de charlas “Acompañar no reto de educar”, que co-organizan os concellos de Fene, Neda e Mugardos dentro do programa “Máis que un teito”, pon o foco o luns 19 de febreiro nos problemas de comportamentos dos cativos máis pequenos. Ata este venres está aberto o prazo de inscrición para os pais e nais que queiran sumarse á iniciativa.
A sesión informativa, que leva por título “Superando os problemas da infancia”, vai destinada a familias con nenos e nenas escolarizados nos tres municipios, Anpas e entidades sociais, desenvolverase entre as 18 e as 20 horas na Casa da cultura fenesa. E nela falarase de cuestións como as perrenchas, os celos, as frustracións dos pequenos/as, avaliando casos prácticos, e analizando cal debe ser a posición do resto da familia ante estas condutas.
Os pais e nais nedenses poden inscribirse no obradoiro, accedendo ao formulario de inscrición, no que poderán indicar se precisan botar man do espazo para as crianzas, que contará con monitorado propio.
Para obter máis información, sobre o ciclo “Acompañar no reto de educar” poden dirixirse ao servizo de educación familiar de Neda (teléfono 981390233) ou ben aos Servizos Sociais de Fene (981492706/ 981342607) encargados da coordinación do proxecto intermunicipal, que conta coa colaboración da Consellería de Sanidade.