O Concello renova a beirarrúa que leva ata o cemiterio de San Nicolás para mellorar a seguridade dos peóns

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda está a mellorar a accesibilidade peonil na rúa que vai ao cemiterio de San Nicolás. A cuadrilla de peóns, contratada con cargo ao Programa de Emprego Local (PEL- Concellos 2023) que financia Deputación da Coruña, está poñendo a punto as beirarrúas da zona, que se atopaban nun estado de conservación moi deficiente. A actuación busca optimizar a seguridade dos veciños e veciñas que decote utilizan este vía.

Os operarios municipais traballan dende esta semana na renovación da céntrica rúa A Queira. Tras o levantado e retirada do solado anterior, que presentaba innumerables pedras desprendidas e fochancas, co derivado risco de tropezos e caídas, comezaron xa a súa substitución por un pavimento de formigón vista.

Xa están finalizados os traballos nos metros da vía máis próximos á confluencia con rúa Xeneral Morgado, e a cuadrilla municipal avanza co encofrado dun novo treito. Tal e como apuntan dende o Concello, renovaranse as beirarrúas ao longo dos 150 metros da vía.

O Concello busca deste xeito mellorar con pequenas actuacións o espazo publico municipal, apostando polo mantemento e restauración das beirarrúas que se atopan deterioradas polo uso e polo paso do tempo, un dos obxectivos programados no marco do PEL.

Share.

Comments are closed.