O Concello de Neda contará con máis fondos para loitar contra a violencia machista. A administración local verá incrementada substancialmente neste 2023 a financiación que recibirá para este fin por parte do Goberno de España. E farao grazas á súa recente incorporación ao Sistema Viogén.
Así, dos 685.612 euros que recibirán os 93 concellos da provincia para costear as accións que desenvolvan no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, corresponderanse a Neda un total de 11.437 euros, segundo a resolución da Secretaría de Estado de Igualdade publicada recentemente no BOE.
Trátase dunha cifra que hai que pór en relación coa percibida no anterior exercicio -2.214 euros- e co que reciben o resto dos concellos. Así, Neda será o municipio de Ferrolterra, Eume e Ortegal que máis fondos reciba, tras Ferrol (28.968 €), As Pontes (19.392) e Narón, a oitava cidade de Galicia (15.474 €).
Cómpre lembrar cada municipio recibe unha cantidade fixa idéntica á que se unen cotas variables en función do número de habitantes, a existencia de vítimas do Servizo Telefónico de Atención e Protección (Atenpro), e a incorporación dos efectivos da Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén). Caso este último que explica a suba experimentada por Neda.
Os fondos deberán investirse antes de xuño do 2024 e terán que destinarse a programas para a erradicación das distintas formas de violencia sobre a muller. Así, segundo explican dende a Delegación do Goberno, poderán realizarse campañas de sensibilización e prevención; reforzar os servizos de atención ou realizar actuacións encamiñadas á formación especializada de profesionais do eido local en materia de igualdade entre homes e mulleres.