Os tres premios da campaña municipal de promoción do comercio local “A supercompra gratis de Neda” xa teñen gañadores. A Casa Consistorial acollía este mediodía o sorteo dos tres vales de compra, por importe de 200 euros, que reparte o Concello no marco desta acción promocional. Premios que deberán canxearse nos comercios adheridos á iniciativa.
Resultaron agraciados no sorteo, realizado ante o secretario municipal, Begoña Fernández, José Alonso e Luis Moledo, que recibiron os boletos extraídos polos concelleiros delegados de Turismo e de Obras, polas súas compras no Eroski city – os dous primeiros- e no Estanco de Neda.
As persoas gañadoras terán que investir nos vindeiros días os premios nun ou en varios dos 40 comercios nedenses, que decidiron tomar parte na campaña, impulsada polo goberno local para fomentar o consumo nun mes, tradicionalmente frouxo en vendas, previo á campaña do Nadal.