Martes, Decembro 3

Neda convoca un concurso fotográfico para buscar as imaxes da localidade que ilustrarán o calendario municipal 2023

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda activa a campaña (RE)descubre Neda. E faino coa convocatoria dun concurso fotográfico, que servirá de base para seleccionar as imaxes da vila, que ilustrarán o calendario municipal 2023. Aos autores das 13 mellores fotos corresponderanlles vales regalo, que terán que gastar nos negocios de proximidade nedenses.

A campaña municipal busca implicar á veciñanza e aos visitantes na promoción turística do municipio e, en paralelo, apoiar ao comercio e á hostalería locais, dous sectores fundamentais para dar vida á vila. Trátase, en definitiva, de mostrar aos turistas e de lembrar aos propios residentes da localidade, o moito e bo que ten Neda, ensinando os seus principais atractivos.

Prazos

O goberno local abre dende hoxe e ata o 22 de novembro o prazo de recepción das fotos, que terán que reflectir “o mellor do patrimonio paisaxístico, natural, histórico, ou cultural da localidade”. O certame está dirixido a persoas maiores de idade. E os participantes terán que mandar fotos da súa autoría, non premiadas en ningún concurso, ao correo electrónico concursofotosneda@gmail.com ou a través de Wetransfer a ese mesmo enderezo.

Ese email terá que indicar no asunto “Concurso fotográfico” e engadirá na propia mensaxe os datos básicos de contacto. Cada concursante poderá presentar un máximo de tres imaxes recentes do municipio. E terá que achegalas en formato jpg e un mínimo de 3 MB. Un xurado decidirá nunhas semanas cales son as mellores imaxes presentadas, que aparecerán co nome do seu autor/autora na serie limitada de calendarios, que editará o Concello.

Premios

A través de (RE)descubre Neda, o Concello repartirá 700 euros en vales agasallo que deberán gastarse nos comercios ou establecementos de hostalería nedenses, que colaboren na promoción da iniciativa (aqueles nos que figure o cartel promocional). Así, entregaranse vales por valor de 50 euros ás persoa autoras de cada unha das imaxes interiores do calendario, e un de 100 euros á que asine a elixida como portada.

Consulta aquí as BASES do CONCURSO FOTOGRÁFICO

Share.

Comments are closed.