O secretario municipal de Neda, Alejandro Antelo, publica un libro centrado na incorporación do dereito comunitario ao día a día das administracións locais

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

La potestad normativa local. Perspectiva desde el Derecho de la Unión Europea é o novo libro de Alejandro Antelo Martínez, Doutor en Dereito e secretario municipal do Concello de Neda. Un verdadeiro manual de referencia para as administracións locais no seu día a día no que aborda dende a doble vertente teórico-práctica a participación dos concellos no proceso de incorporación do Dereito da UE ao ordenamento xurídico interno. A publicación recolle o traballo co que Antelo Martínez foi recoñecido co accésit dos Premios Fernando Albi. Un prestixioso galardón de ámbito internacional que concede a Deputación Provincial de Alicante no seu afán de difundir a cultura e divulgar os estudos sobre a Administración local. Outra institución provincial, neste caso a da Coruña, contribuíu precisamente á edición da obra, con prólogo do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde.

Antelo Martínez sostén que a falla de potestade lexislativa por parte dos entes locais non lles impide ser actores no citado proceso de transposición, levándose a efecto a través da súa potestade normativa de rango reglamentaria, aquela que, en palabras do Tribunal Constitucional, constitúe a súa particularidade por antonomasia.

Para ilustrar en que grao o Dereito da Unión, tanto orixinario como derivado, fundamenta a potestade normativa local, o tamén docente e investigador toma como referencia a Carta de Dereitos Fundamentais da UE, cuxo valor é equivalente aos Tratados a partir da entrada en vigor do Tratado de Lisboa, e a Directiva de Servizos no mercado interior, en canto norma de dereito derivado que máis ten influído transversalmente no Dereito Administrativo dos Estados membros, particularmente no Dereito Administrativo económico.

Sobre estas premisas e cunha exhaustiva e coidada cita de xurisprudencia e doutrina, abórdase o estudo do dereito á boa administración consagrado na Carta de Dereitos Fundamentais, así como a incidencia da Directiva de Servizos en ámbitos sobre os que os entes locais tradicionalmente teñen exercido competencias, como son o urbanismo, o comercio ambulante, as actividades suxeitas a incidencia ambiental e os espectáculos públicos e actividades recreativas.

Pechan o traballo unhas reflexións conclusivas do autor, que serven, ao mesmo tempo, de recapitulación práctica.

LABOR DOCENTE E INVESTIGADORA

Alejandro Antelo Martínez é Doutor en Dereito (Sobresaínte cum laude) polas Universidades da Coruña, Nacional do Litoral e Nacional do Nordeste (Arxentina), Escola Libre de Dereito (Costa Rica), Veracruzana e Guanajuato (México), Hispanoamericana (Nicaragua), Piura (Perú), Montevideo (Uruguai), Monteávila (Venezuela) e Santo Tomás de Tunja (Colombia).

Funcionario de Administración Local con habilitación de carácter nacional, pertencente ás Subescalas de Secretaría, categoría Superior e Secretaría-Intervención, tamén cultiva a faceta docente, exercendo de profesor colaborador da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, da Universidade da Coruña, do Instituto Nacional de Administración Pública, da Escola Galega de Administración Pública e da Academia Galega de Seguridade Pública, así como ponente en numerosos congresos e seminarios organizados por Universidades, Administracións Públicas e Colexios Profesionais.

Autor de preto de 40 publicacións -libros, monografías e artigos- referentes ao ámbito do Dereito Administrativo, conta entre outros recoñecementos, co Premio de investigación Manuel Colmeiro e o Premio Nacional e Internacional de investigación Fernando Albi (accésit) da Deputación de Alicante.

 

Share.

Comments are closed.