Mércores, Febreiro 21

O CEIP San Isidro inaugura os actos do seu 50 aniversario cun desfile de Entroido protagonizado polas míticas personaxes de debuxos animados dos 70

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neste curso, o CEIP San Isidro está de aniversario. Soprará 50 velas, e tras meses de preparativos, arrancan os actos para celebralo por todo o alto. A primeira actividade terá lugar mañá mesmo, e faise coincidir cunha das festas máis típicas do calendario local: o Entroido. Profes e alumnado botan a vista atrás, e propóñennos unha viaxe á década dos 70 a través das series de debuxos animados desa primeira xeración de estudantes. Dunha lista creada polos docentes, todos os cursos elixiron as súas personaxes favoritas, converténdoas na referencia para a confección dos disfraces deste ano. O alumnado de Infantil quedou con Barrio Sésamo e a Abella Maya; 1º de Primaria, coa Formiga Atómica; 2º con Piolín e Silvestre; 3º con Vicky O Vikingo; 4º cos Picapedra; 5º con Don Gato e 6º con Calimero. Xunto a eles e elas, os profes converteranse na xornada en Pippi Langstrump.

Sempre e cando o tempo o permita, nenos/as e maiores sacarán á rúa as míticas series dos 70 a través dun desfile que partirá mañá venres do cole ás 10:30 horas. Tomarán dirección cara a Volta do Regueiro-Centro Cívico-Rúa Sobre A Vila e de novo Avenida de Alxeciras. De volta ao centro, e coa colaboración das familias, degustarán no patio cuberto do cole doces típicos destas datas. Dende a comunidade educativa anímase á veciñanza a seguir o pasarrúas e sumarse así a esta primeira actividade do aniversario. Iso si, se a choiva impedise a saída, o desfile realizaríase no interior do pavillón, abrindo as portas do centro á cidadanía.

Por último, dende o cole San Isidro, avánzannos que nas vindeiras semanas irán informando de novas accións e actividades vencelladas a este aniversario tan especial.

Share.

Comments are closed.