Nove equipos competirán no mes de maio pola “Copa sénior de fútbol sala Concello de Neda”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O pavillón municipal de Neda acollerá durante o mes de maio a “Copa sénior de fútbol Sala Concello de Neda”. Unha competición de novo cuño, anunciada ao comezo da temporada no marco do plan competicional na localidade da Liga Sénior FS, que finalizaba a pasada fin de semana co Nuevo Minueto-Radio Car como gran triunfador, revalidando ademais o título.

O novo torneo, organizado pola Real Federación Galega de Fútbol, coa colaboración da administración local, disputarase a partido único todos os sábados do mes de maio na citada instalación deportiva nedense. E nel terán unha nova oportunidade de medirse nove dos dez equipos de Ferrolterra que xogaron a competición de liga regular.

Así, as persoas afeccionadas ao fútbol sala da comarca terán ocasión de volver desfrutar en Neda do xogo do Lookeats Caranza FS; da CD A Solaina- La banda del patio; da SCD O Roxal-Rincón do Trini; do FS Santa Mariña do Monte- Catering Ferrolterra; do DP Abogados-Reformicasa; do FS Narón; do FS Narón 2; do Tuimil Australian FS- Galicia de Caranza e, como non, do conxunto campión da Liga Sénior, o xa citado Nuevo Minueto- Radio Car.

Segundo avanzan dende a Delegación en Ferrol da Real Federación Galega de Fútbol, haberá un primeiro partido previo o día 6 de maio. Na xornada do 13, haberá ata catro encontros. As semifinais disputaranse na xornada do 20 e a final o sábado 27 de maio.

 

Share.

Comments are closed.