Domingo, Novembro 3

Neda presume de pan e reivindica o labor sacrificado dos panadeiros e panadeiras locais

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A choiva destes días deu tregua e animou á cidadanía a achegarse esta mañá á XXXIII Festa do Pan de Neda, declarada de Interese Turístico de Galicia. Magnífico ambiente, pois, no paseo marítimo de Xuvia dende primeira hora da mañá. Sobre as dez, abrían as panaderías La Gallega, La Nueva, Modesto Hermida, Paca Castro Romero, Panificadora Germán e Santa Rita, á par que os preto de 30 postos reunidos no Mercado de Artesanía -entre eles, o solidario de ASCM e o da comisión de festas de San Nicolás-. Pouco despois, arrancaba a animación musical coa agrupación de música tradicional Berros do Castro, e o concurso de empanadas. O xurado, integrado por representantes de La Nueva, Paca Castro Romero, Santa Rita e un integrante de Los Zares, tiña a papeleta complicada co alto nivel rexistrado. Finalmente, Mariola Fernández facíase co primeiro premio coa súa proposta a base de chourizo, mexillóns e algas. Juanjo Riquelme e María José Veiga quedaban en 2ª e 3ª posición respectivamente. Todos eles, recibirán vales canxeables nas panaderías locais.

Así mesmo, o alcalde, Ángel Alvariño, daba a benvida ao público participante no acto de inauguración oficial, poñendo en valor o mellor pan, o de Neda, e sobre todo o traballo dos panadeiros e panadeiras locais. Agradecía tamén o seu esforzo para facer posible a festa, xa que lles supón un plus de carga de traballo a unha actividade de por si dura e sacrificada. Daba a palabra entón á pregoeira deste ano, unha embaixadora de Neda en todo o mundo, a xogadora internacional Ale de Paz, puntal da selección española de fútbol sala feminino e un auténtico orgullo para a vila. Ale de Paz agradecía a invitación, e reivindicaba o orgullo de Neda polo seu pan. Establecendo paralelismos coa súa traxectoria deportiva co balón, defendeu que o sacrificio, constancia, perseverancia e traballo como o camiño a seguir, consciente cada día de que todo esforzo ten a súa recompensa. Un sacrificio e traballo que, no caso das panaderías locais, se ve correspondido non só coa fidelidade da súa clientela senón co recoñecemento do pan de Neda como un dos mellores da Comunidade, engadía.

O acto concluía coa entrega dunha placa conmemorativa á pregoeira e tamén, en sinal de agradecemento, aos propietarios do Muíño do Cubo, Eduardo Dobarro Luaces e Aida Rubido Ramonde, e do Muíño do Carrizo, Manuela Calderón e Xavier Pujol. O Concello quería corresponder o seu xesto xeneroso de abrir as portas das súas propiedades para a Ruta dos Muíños do Belelle, permitindo así a súa visita ás persoas participantes.

A sesión da mañá incluíu tamén o concerto do mítico grupo Los Zares, co seu repertorio de clásicos das décadas dos 60, 70 e 80, durante a sesión vermú, e o xantar popular, que esgotou os tickets para as 400 prazas ofertadas.

 

DE TARDE

Pola tarde, a Festa do Pan continuará ás 17 h cos obradoiros de elaboración de pan dirixidos aos máis pequenos e pequenas da casa guiados pola Granxa Escola Belelle. Tamén pensando nos nenos e nenas, o Concello programa ás 17:30 h o espectáculo musical “Rockeando coa Ramona pequena”, a cargo de Pakolas.

E rematando a xornada, broche de ouro á cita co concerto de De Vacas. O grupo chega a vila coa súa nova xira, “Rebovina Divas Live”, unha homenaxe ás mellores voces femininas da música pop mundial, coa perspectiva humorística e irreverente da formación.

Ademais das panaderías participantes, colaboran na festa J. Castro Romero e Vda. De Romero

Share.

Comments are closed.