O Concello presentaba esta mañá unha nova edición de “Neda a petiscos”. A iniciativa incluirá degustacións gratuítas de produtos elaborados nos fornos locais nun total de 16 establecementos hostaleiros do municipio. Durante tres fins de semana consecutivos, a vila converterase en destino perfecto para quen queira saborear os mellores doces e empanadas de Galicia.
O alcalde, Ángel Alvariño, e máis a concelleira de Turismo, Marián Bello, foron os encargados esta mañá de dar a coñecer a terceira edición desta iniciativa municipal, concibida para promocionar dous sectores claves na economía local -panaderías e restauración- poñendo en valor o emblema gastronómico da vila, o pan de Neda. A iniciativa pasa do inverno á primavera, buscando chegar tamén aos numerosos peregrinos que están a facer nesta época o Camiño Inglés.
Segundo explican os responsables municipais, haberá unha degustación de balde en cada un dos establecementos de hostalería do municipio que decidiron sumarse á proposta, ofrecendo na hora do almorzo ou ben no aperitivo, segundo a súa elección, os mellores sabores de Neda.
En cada unhas das fins de semana da iniciativa (27 e 28 de abril, 4, 5, 11 e 12 de maio), o Concello proporcionará a cinco negocios (tres os sábados e dous os domingos) bola de ovo, proia, bola de millo e empanadas variadas, procedentes dos fornos locais para que as sirvan, de forma totalmente de balde, coas consumicións.
Participan nesta edición de “Neda a petiscos”, que reivindicará o bo facer das panaderías nedenses, Confeitaría O Carrizo, J. Castro Hermanos, Panificadora Germán, La Gallega, Santa Rita, Tito, Modesto Hermida, o Forno de Binuca, Viuda de A. Romero e La barra de oro. Dez fornos nos que a calidade e o toque artesán segue primando.
CALENDARIO
O calendario de catas arrincará o día 27 cos almorzos do café bar Graña e do Catalina, e co aperitivo do Chámalle como queiras. O domingo 28 será a quenda da cafetería da Pensión residencia Maragoto e máis do café bar Jupe.
Na primeira fin de semana de maio, a iniciativa chegará a La flor de mayo, O Lagar do Camiño, e O bar da pista (sábado 4), así como a La Cortesa e El rincón de Adri (domingo 5). Adicionalmente poderán desfrutar dos petiscos as persoas hospedadas no Pazo da Merced.
Finalmente, na finde do 11 e 12 de maio, pecharán a iniciativa o café bar Oriental, Harina & Brasa, e O Carreiro (sábado); e máis o café bar Albarón e o Recuncho (domingo).
Dende o Concello de Neda animan á veciñanza, e aos visitantes que se acheguen a Ferrolterra a participar nas degustacións, e agradecen a boa acollida brindada polos negocios a esta iniciativa de dinamización, que se trasladará ás redes sociais municipais.