O Concello de Neda celebrará esta fin de semana as súas festas patronais da honra de Santa María. O adro da igrexa converterase de novo no escenario dos festexos, que comezan este venres 8 de setembro, festivo local, e se prolongarán ata o domingo. Dende o Concello anímase á veciñanza a participar na programación de actos.
Así, o venres 8, oficiarase a misa solemne ás 12:30 horas, e a continuación, celebrarase a procesión acompañada da banda Acotaga. Ao seu remate, comezará a sesión vermú, amenizada polo grupo Tokio. A música tamén soará polas rúas da parroquia, coa animación da Charanga da Carmiña, e á noitiña, gran verbena co grupo Tokio e Carma.
Ao día seguinte, sábado 9, repetirase practicamente o guión. A celebración da misa ás 12:30 h e a posterior procesión acompañada da banda Acotaga marcarán o inicio da xornada festiva. A continuación, sesión vermú, neste caso co grupo Enclave, que regresará á noite para participar xunto a orquestra Maracaibo na gran verbena que se celebrará ata ben entrada a madrugada.
E o domingo 10, fin de festa cunha sesión vermú longa a partir das 14 h amenizada polo grupo Pasión.
Así mesmo, a pirotecnia correrá por conta da firma local Manuel Millarengo.