Neda acollerá os días 9 e 10 – este xoves e venres- de novembro a acción formativa “Atención especializada en alzhéimer e outras demencias”. Trátase dunha actividade de Afal Ferrolterra destinada a dar a coñecer os aspectos psicolóxicos da enfermidade e saber como cómpre actuar. Para participar será preciso anotarse no Concello.
O cursiño desenvolverase de 16.30 a 18.30 horas na Casa da Cultura, e terá unha primeira entrega na que se falará da abordaxe terapéutica das demencias. Polo tanto, nesta xornada explicarase a sintomatoloxía, comentaranse posibles tratamentos, e repasaranse as alteracións do comportamento máis frecuentes, acabando cunha mesa redonda.
O segundo día, cun contido máis eminentemente práctico, versará sobre como facer de forma correcta as mobilizacións e transferencias do paciente, garantindo o seu benestar e máis o da persoa coidadora. Desta volta, falarase da hixiene postural da persoa enferma, da posición do corpo sentado e máis deitado, e das técnicas máis axeitadas para mover ao paciente.
A acción formativa está especialmente destinada a coidadores informais, é dicir, veciñas e veciños que se ocupan do coidado dos seus familiares maiores con deterioro cognitivo, ou ben maiores dependentes. E para asistir cómpre apuntarse nas oficinas de Servizo Sociais na Casa Consistorial, ou chamando ao 981380039.
A actividade é totalmente de balde e conta coa colaboración da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol e do propio Concello de Neda.