Neda manterá aberto o prazo de inscricións na escola infantil municipal ata cubrir a totalidade das prazas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda ofrecerá ás familias a posibilidade de inscribir a novo alumnado na Escola infantil municipal Os Pelegríns en tanto queden vacantes, ao non cubrirse durante o prazo oficial aberto pola administración local a totalidade das prazas ofertadas. O servizo socioeducativo, destinado a atender a menores de entre tres meses e tres anos, manterá a gratuidade total.

Apuntan dende o Concello que se formalizaron un total de 26 reservas de cara ao curso 2024-2025, polo que, como en anos académicos anteriores, se tramitarán novas solicitudes de praza ata completar as ratios das aulas existentes.

O servizo municipal, que aposta pola experimentación e o xogo como base para a aprendizaxe dos nenos e nenas ofrece ás familias xornadas adaptadas ás súas necesidades de conciliación (xornada completa, media, reducida) e dispón de cociña propia, apostando por unha alimentación saudable.

A escola infantil municipal vai destinada de forma preferente a familias empadroadas no municipio. Con todo, ao existir vacantes, poderán anotarse persoas doutros municipios. De feito, este recurso pode constituír unha boa alternativa para pais/nais que traballen en Neda.

Os trámites para que novos menores accedan ao servizo poden facerse no rexistro xeral do Concello, ben presencialmente na casa consistorial, ben a través da sede electrónica.

Share.

Comments are closed.