O Concello de Neda abre o próximo luns o prazo para anotarse na Xornada de mindfulness, que organiza o vindeiro venres 8 de marzo e estará guiada polo experto Vicente Sueiras. A proposta, incluída na programación especial do Mes da muller, busca mellorar o seu benestar físico e mental a través desta práctica.
A iniciativa desenvolverá entre as 17 e as 20 horas, e contará de dúas actividades independentes. Así, iniciarase cunha camiñada consciente co obxectivo de sacar da mente problemas e preocupacións que xeran ansiedade. A saída e meta estará no paseo marítimo de Xuvia.
Ao seu remate, a partir das 18 horas, no pavillón do instituto desenvolverase un obradoiro, impartido por Sueiras, con técnicas básicas para que as participantes adquiran habilidades para poder xestionar mellor os seus estados emocionais.
As persoas que queiran inscribirse nas dúas actividades ou ben nunha delas terán que chamar a partir do próximo luns e ata o xoves á biblioteca municipal (teléfono 981 390233), en horario de 9 a 13 h e de 16 a 20 horas. A iniciativa, con prazas limitadas, é totalmente gratuíta, e desenvólvese co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.