A fachada do polideportivo municipal conta xa cunha placa en honor a Ale de Paz. A deportista local, que compite na elite do fútbol sala, descubría esta tarde o cartel, que rebautiza oficialmente o pavillón municipal co seu nome. O cambio de denominación era aprobado polo pleno do Concello de Neda o pasado mes de outubro, en recoñecemento á traxectoria deportiva da xogadora.
Nun acto sinxelo e emotivo, o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, definía á xogadora do Poio Pescamar da Primeira División do Fútbol Sala como un auténtico referente deportivo, e agradecía publicamente o orgullo co que leva o nome de Neda por España e polo resto do mundo.
Cómpre sinalar que Ale de Paz, habitual na Selección Absoluta de Fútbol Sala, conta cun palmarés de excepción, que inclúe dúas Eurocopas, dúas Supercopas de España, tres Copas da Raíña, dúas Ligas, tres Copas Xunta de Galicia. Unha traxectoria deportiva que destacaba durante o evento a edila nacionalista, Cristina Bouza, quen aludía ao esforzo e sacrificio da xogadora. Pola súa banda, o concelleiro popular Jonathan Fernández, amigo persoal, completaba o perfil destacando ademais o lado humano da deportista.
Ale de Paz recibía emocionada a homenaxe. “Es algo inimaginable, un honor que el pabellón en el que crecí lleve ahora mi nombre” sinalaba. Mostraba ademais a “ilusión por estar representando a muchas chicas deportistas” para as que pedía maior visibilidade. A continuación, co Himno Galego soando de fondo, procedía a descubrir a placa.
No acto, ao que asistiu practicamente toda a corporación municipal, non faltaron familiares e amizades da xogadora, ademais dun bo número de veciños e veciñas da localidade.