Mércores, Decembro 4

Neda promove nos centros educativos públicos obradoiros para desenmascarar os micromachismos

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda pon en marcha esta semana un ciclo de obradoiros de igualdade nos centros educativos públicos de municipio. A iniciativa pon o foco nos denominados “micromachismos”, é dicir, todos eses pequenos xestos e expresións sexistas que contribúen a perpetuar os roles de xénero. O obxectivo, non é outro que favorecer a reflexión do alumnado como estratexia para eliminalos.

A proposta, que chega hoxe aos estudantes de 6º curso do CEIP San Isidro, botará man do xogo do espello para pór en evidencia estas actitudes de dominación “suave” ou de “baixa intensidade” que, en realidade, son ataques sutís que, de forma habitual, soportan as mulleres. Actitudes que, en moitos casos, están automatizados no proceso de “facerse homes” fronte ás mulleres.

A través de distintas dinámicas a rapazada será quen de detectar distintos tipos de micromachismos que se dan nas relacións persoais, así como aqueles outros aos que están sometidos a través da música, da publicidade, das redes sociais e do cine/series, produtos culturais nos que se produce unha hipersexualización, que é froito da sociedade machista na que vivimos.

Estes obradoiros municipais, desenvolvidos cos Fondos do Pacto de Estado fronte á Violencia de Xénero, chegarán este mércores aos estudantes máis maiores do CEIP de Maciñeira e o vindeiro luns, aos rapaces e rapazas do IES Fernando Esquío.

Share.

Comments are closed.