Mañá venres actívase a retirada de invitacións para os concertos de Tanxugueiras e Milladoiro en Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello informa de que mañá venres activarase a partir das 12 horas na páxina web Ataquilla.com a reserva de invitacións, totalmente de balde, para os concertos programados no paseo marítimo de Neda, no marco da Noite de Bolos e da Festa do Pan. Trátase dos espectáculos de Tanxugueiras e Milladoiro, dous grupos imprescindibles da actual escena folk do país, que terán lugar a primeira fin de semana de setembro.

Apuntan dende Cultura que os dous concertos contarán cun aforo limitado (300 prazas no primeiro, e 400 no segundo) e que se poderán reservar ata un máximo de 4 convites por persoa en asentos individuais, por parella ou en grupos de tres.

Tanxugueiras serán as protagonistas da “Noite de Bolos” que se celebrará o sábado día 4, a partir das 21.30 horas. Este trío de cantareiras chega á vila co potente directo da xira “Contrapunto”, na que ademais dos temas dese traballo discográfico, presentan as súas últimas cancións, nas que apostan ás claras pola reformulación das sonoridades tradicionais, a través da súa confluencia con estilos máis urbanos, como o trap ou a electrónica.

Pola súa banda, Milladoiro, toda unha institución no folk do país, recala na Festa do Pan, o domingo 5 de setembro, a partir das 19 horas. O veterano grupo está inmerso na xira “40 anos desde Maeloc”, na que fan repaso aos seus maiores éxitos ao longo das catro décadas que xa pasaron dende a publicación do seu primeiro disco. Prometen unha tarde máxica na que Xosé Ferreirós, Nando Casal e Moncho García e o resto da renovada formación repasarán parte da súa extensa discografía do grupo e presentarán os temas seu último álbum, titulado “Atlántico”.

Os dous espectáculos desenvolveranse baixo estritas medidas de prevención fronte á covid-19. O público poderá ocupar as súas butacas 15 minutos antes do arranque das actuacións, e deberá permanecer sentado e coa máscara posta durante todo o espectáculo, no que non se poderá comer, beber, nin fumar.

Share.

Comments are closed.