Aberto o prazo para inscribirse na primeira “Xuntanza de mulleres de Neda”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda abre hoxe o prazo de inscrición para a primeira “Xuntanza de mulleres de Neda”. A iniciativa de lecer terá lugar o sábado 23 de marzo, e reunirá ás veciñas ao redor dun xantar, con música no tempo da sobremesa.

A actividade desenvolverase no centro cívico, a partir das 14 horas, e concíbese como unha escusa para animar ás mulleres a aparcar por unhas horas a vida e responsabilidades familiares para pasalo ben, compartindo un tempo de lecer con outras mulleres da súa e doutras xeracións.

O menú previsto para a ocasión constará de paella, carne asada, postre e café, e non faltará tampouco a bebida para acompañar. E unha vez rematado o xantar, un pouco de música en directo para botar unhas pezas.

Para finalizar, o Concello quere aproveitar esta “I Xuntanza de mulleres de Neda”, incluída na programación especial deseñada con motivo do 8M, para recoñecer publicamente o traballo dunha das entidades femininas máis activas e con maior tradición da localidade, a Asociación de Amas de Casa de Neda.

As mulleres que queiran desfrutar deste encontro terán que apuntarse nas oficinas de Servizos Sociais do municipio. O cota de participación de 20 euros para as residentes de Neda. As mulleres doutras localidades que queiran participar deberán pagar 25 euros. O prazo para anotarse finalizará o día 21 ou antes, no caso de que se esgoten as prazas dispoñibles.

Share.

Comments are closed.