Aberto o prazo de inscrición nos primeiros percorridos guiados pola “Ruta dos muíños do Belelle”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda abre hoxe o prazo para anotarse nos primeiros percorridos guiados pola “Ruta dos muíños”, un itinerario a carón do curso fluvial do Belelle ata chegar á Fervenza para coñecer un pouco máis dos enxeños hidráulicos que están na orixe da tradición panadeira da vila. Estas primeiras saídas terán lugar este xoves e venres, 2 e 3 de setembro, con punto de partida no adro da Igrexa de Santa María ás 18 horas. Ofértanse 20 prazas por cada ruta e as persoas interesadas deben reservar a súa no teléfono 981 39 02 33.

As saídas repetiranse a próxima semana, os días 9 e 10 de setembro, abríndose previamente un novo prazo para a inscrición.

Será a técnica municipal de turismo a encargada de guiar as rutas, incluídas na programación da Festa do Pan de Neda. A través delas, as persoas participantes poderán descubrir construcións vencelladas historicamente á elaboración do produto estrela da gastronomía nedense, o pan. Un percorrido no que chegou a haber ata 40 instalacións entre muíños, fábricas e ferrerías.

Share.

Comments are closed.