O Concello de Neda pon a disposición da veciñanza 50 novas entradas para asistir ao concerto que Tanxugueiras ofrecerá este sábado 4 de setembro ás 21,30 horas no paseo marítimo de Xuvia. Unha actuación incluída na denominada Noite de Bolos da programación da Festa do Pan. Con estas novas entradas, gratuítas, acadaranse as 400. A partir de mañá martes ás 12 h, poderán reservarse (un máximo de 4 convites por persoa), a través da plataforma web Ataquilla.com.
Tanxugueiras ofrecerá en Neda o seu potente directo, no que mostran a súa aposta pola fusión da música de raíz con outras sonoridades máis urbanas como o a electrónica, no marco da xira “Contrapunto”. Unha proposta que espertou un gran interese ao esgotar en apenas unha xornada as 350 entradas ofertadas inicialmente polo Concello.
Igualmente ocorría con Milladoiro, que completará o domingo o cartel de concertos desta Festa do Pan. O mítico grupo colgaba o cartel de aforo completo esta fin de semana. En Neda, prometen un repaso aos grandes éxitos da súa extensa discografía nunha xira –“40 anos desde Maeloc”, o seu primeiro álbum- na que tamén presentan os temas do seu traballo máis recente: “Atlántico”.