O Concello de Neda informa de que xa se esgotaron as entradas, que comezaron a distribuírse o pasado venres, para os dous concertos folk que acollerá o Paseo Marítimo de Xubia, no marco da celebración da Festa do Pan de Neda. Dous espectáculos folk de luxo, con Tanxugueiras na denominada Noite de Bolos do sábado 4 de setembro, e Milladoiro, o domingo 5.
Detallan dende o departamento de Cultura que as 350 invitacións para o trío de cantareiras voaron, esgotándose na mesma xornada na que comezou a distribución, e poucas horas despois- este sábado- completábanse as 400 prazas do concerto da banda máis emblemática do folk galego.
Tanxugueiras chegará á vil co seu potente directo, no que mostran a súa aposta pola fusión da música de raíz con outras sonoridades máis urbanas como o a electrónica, no marco da xira “Contrapunto”. Mentres Milladoiro promete un repaso aos grandes éxitos da súa extensa discografía nunha xira –“40 anos desde Maeloc”, o seu primeiro álbum- na que tamén presentan os temas do seu traballo máis recente: “Atlántico”.