Mércores, Setembro 28

O Concello aproba en pleno a bonificación do 90% no imposto de plusvalía no caso da transmisión da vivenda habitual a herdeiros

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda aprobou en pleno a nova ordenanza reguladora do Imposto sobre o Incremento do Valor de Natureza Urbana (coñecido popularmente como plusvalía) que contempla a bonificación do 90% na cuota para os veciños e veciñas que herden un inmoble en Neda e este sexa vivenda habitual da persoa propietaria.

Unha ordenanza coa que o Concello dá cumprimento ó imperativo legal establecido no RD Lei 26/2021 de 8 de Novembro, que establece un prazo máximo de 6 meses para que as administracións locais adapten as súas ordenanzas á última sentenza do Tribunal Constitucional do 26 de outubro de 2021 -que anulaba a base de cálculo da plusvalía- e ó propio RD Lei.

A nova ordenanza substituirá á aprobada en 1998, e adopta os coeficientes fixados polos RD Lei e mantén o tipo de gravame no 25%, tal e como está agora. A gran novidade reside na incorporación desta bonificación do 90% na transmisión de vivenda habitual no caso de pais/nais, fillos/as, irmáns/ás… entendéndose como vivenda habitual aquela na que a persoa que lega leva empadroada un mínimo de 2 anos dende a adquisición.

Así mesmo, no documento establécese, como marca a normativa estatal, que a transmisión non está suxeita ó imposto naqueles casos nos que non se teña producido un incremento do valor dende a adquisición ata a venda.

O novo texto pasará agora a fase de exposición pública, unha vez se publique no Boletín Oficial de Provincia e, de non presentarse alegacións, entrará en vigor.

Share.

Comments are closed.