O albergue de Neda consigue no 2023 o seu mellor rexistro histórico superando os 3.000 peregrinos

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Os bos datos rexistrados polo Camiño Inglés ao longo do 2023 deixáronse sentir no albergue de peregrinos de Neda. A instalación turística, integrada na rede pública, e xestionada polo Concello vén de pechar o seu mellor ano, superando con creces a marca dos 3.000 hóspedes.

A ruta de peregrinación que parte do porto de Ferrol e que discorre por seis municipios de Ferrolterra e do Eume, mantivo practicamente nos últimos doce meses as cifras récord do 2022, a pesares de non ser ano Xacobeo (24.092 fronte a 24.205 peregrinos optaron pola ruta). Consolídase pois como a cuarta opción dos romeiros que van cara a Compostela. Por Neda, segundo a Oficina de Peregrino, pasaron os 22.952 que partiron da cidade naval (unha lixeira suba) e os 191 que saíron da propia localidade.

E así, o que ata finais de xuño foi o primeiro albergue público da ruta, o de Neda, non só non se veu afectado pola apertura do da cidade naval, senón que superou os seus mellores rexistros.

Deste xeito, se no 2022 foron ao redor de 2.900 os visitantes que fixeron noite na instalación turística situada no paseo de Xubia, xusto un ano despois a marca subiu ata os 3.303, experimentando pois un incremento próximo ao 14 %. Os mellores meses, como sempre, os do verán.

O albergue abre todos os días do ano, completándose as 26 prazas dispoñibles (24 en liteira e 2 camas para persoas con mobilidade reducida) por orde de chegada. Cómpre rexistrarse chamando ao 659684435.

O boom experimentado nos últimos anos polo Camiño Inglés– con excepción, claro está, do período da pandemia- explica a aposta decidida do Concello pola promoción e mellora da ruta. Sen ir máis lonxe, a administración local e Turismo de Galicia facían un esforzo ao longo deste ano por mellorar a sinalización, e ambas administracións co financian neste momento a restauración dos pavimento das rúas centrais do casco histórico polas que discorre o itinerario de peregrinación.

Share.

Comments are closed.