Neda pon en marcha este luns o proxecto infantil “Do cole á biblio” para conmemorar o Día da Biblioteca

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda sumarase á celebración do Día das biblioteca, activando ao longo da vindeira semana o programa “Do cole á biblio”. A iniciativa, que contará cun total de tres espectáculos de animación á lectura, desenvolverase na Casa da Cultura, e estará dirixido ao alumnado de infantil e primaria tanto do CEIP San Isidro como do CEIP de Maciñeira.

O ciclo, que chega ao municipio, no marco da iniciativa “Ler conta moito” da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, incluirá o luns, o martes e o mércores, sempre ás 12 horas, propostas de lecer para achegar ao público infantil da vila ao equipamento cultural, e convidalo a ler. Serán tres xornadas nas que pasarán polo corazón cultural da vila un total de 260 estudantes.

O alumnado de primeiro, segundo e terceiro de primaria dos dous colexios públicos de Neda poderá desfrutar o luns do contacontos “A verdadeira historia de Hamelín”, unha adaptación circense do conto O frautista de Hamelín para descubrir, da man de Moc Moc MeRe Clown, o que pasou realmente nesa aldea.

O martes será a quenda dos máis pequerrechos/as. Nenos e nenas de cuarto, quinto e sexto de infantil terán ocasión de desfrutar da obra “O traxe novo do rei”, de Títeres Tarabelos, baseado no conto de Hans Christian Andersen, un clásico entre os clásicos, que fala das aparencias, e de que non sempre é certo o que a xente di que é verdade.

O programa ”Do cole á biblio” completarase co espectáculo “Unha maxia diferente”, a cargo do Mago Paco. Unha obra que, a través da súa maxia e coa axuda dunha morea de contos, reivindica a igualdade de oportunidades, poñendo en valor as diferenzas, sempre dende un punto de vista divertido.

Share.

Comments are closed.