Martes, Decembro 3

Neda celebra esta semana as súas XIX Xornadas literarias poñendo o foco nos “Trazos de Xapón”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro, o Concello de Neda organiza un ano máis, coa colaboración da Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, as súas Xornadas literarias. A 19 edición desta iniciativa, leva por título “Trazos de Xapón. Un encontro entre a caligrafía e a palabra escrita” e reunirá os días 25, 26 e 27 aos mellores especialistas e tradutores da literatura nipoa do noso país. A proposta, totalmente de balde, complementarase cunha atractiva oferta de obradoiros. Aberta inscrición.

A concelleira de Cultura, Marián Bello, a decana da Facultade de Humanidades, Manuela del Pilar Santos, que enmarcou a colaboración no compormiso de abrir a facultade á comarca, e a coordinadora cultural de Neda, Copi Villaamil, presentaban esta mañá no campus de Ferrol as xornadas, que converterán á vila en cita obrigada para a lexión de persoas amantes da cultura xaponesa. Unha proposta que dá resposta ao boom en occidente da literatura que chega dende o país do sol nacente. Serán días cunha programación do máis variada.

Na primeira xornada (xoves, a partir das 18 horas), visitará Neda Carlos Rubio López de la Llave, autor da primeira historia da literatura xaponesa en español, e cunha traxectoria de case que 40 anos dedicados a divulgar a literatura e a cultura xaponesa como tradutor, autor e conferenciante. A súa conferencia levará por título “Japón y sus claves de belleza en la literatura”. Posteriormente participará nunha análise de Confesiones de una máscara, obra de Yukio Mishima, que traduciu ao español.

O venres, de novo a partir das 18 horas, tres citas consecutivas. Carlos Ramos Fuentes, profesor de lingua e tradución literaria xaponesa, abrirá a tarde falando sobre “O haiku como xénero literario”. Despois será a quenda de Gabriel Álvarez, tradutor á literatura galega e ao español, de manga e de obras de grandes autores nipones como Murakami ou Banana Yoshimoto, presentará o relatorio “Da literatura xaponesa ao manga: o oficio do tradutor editorial”. E a xornada pecharase co cinefórum, moderado polo xornalista Nicolás Vidal ao redor do filme “Mishima. Una vida en cuatro etapas”.

Obradoiros e contacontos

E para completar as “XIX Xornadas literarias de Neda”, o sábado haberá unha atractiva oferta complementaria. Así, a partir das 11 horas, programarase un “Obradoiro de introdución ao haiku”, a cargo de Carlos Ramos, e a partir das 18 horas, un taller de “Aproximación á escritura xaponesa”, con Esther Rivera, da Aula Japón Shizuku.

E pensando no público infantil, ás 12 horas, chega á biblioteca municipal o contacontos de Pablísimo “Cavicivai”, un espectáculo sobre rodas, que incorpora un kamishibai, en Xapón, un pequeno teatro de papel para contar historias.

O Concello prega a todas persoas interesadas en acudir tanto ás charlas como aos obradoiros se inscriban na biblioteca municipal, ou chamando ao 981390233. Nos talleres as prazas serán limitadas.

Share.

Comments are closed.