Máis de 600 persoas sumaranse este domingo á Andaina Solidaria de Neda a prol da Asociación Española contra o Cancro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A pesar de que o mal tempo destes días non axudou, máis de 600 persoas apuntáronse á VI Andaina de Neda “Os nosos pasos dan vida”, impulsada polo Concello a prol da Asociación Española contra o Cancro. A cita encherá as rúas da vila este domingo pola mañá.

Apuntan dende a organización que a cifra definitiva medrará co reconto dos dorsais solidarios rexistrados -unha sorte de fila cero-e máis con inscricións de última hora. A gran marea rosa partirá este domingo 5 de novembro, ás 11 horas, do campo dos Subarreiros, en pleno corazón do núcleo urbano, para iniciar un percorrido circular de algo máis de 6 quilómetros.

Antes de partir, o conxunto das persoas participantes conformarán un gran lazo humano como símbolo do compromiso coa loita contra o cancro. Unha novidade desta edición.

A recadación da cita, ademais dos fondos que se acaden coa venda de camisetas, dirixiranse tanto a apoiar os programas da AECC como a impulsar a investigación. A cifra darase a coñecer o mesmo domingo tras a finalización do itinerario, nun acto conducido polo cantante aresán Geno.

A retirada de dorsais comeza esta mesma tarde na Casa das Palmeiras, de 17:30 a 19:30 h; mañá sábado de 10 a 12:00 h, e o mesmo domingo, dende unha hora antes da saída.

A andaina, organizada polo Concello, conta coa colaboración de Protección Civil, Panadería Santa Rita e Zanshin Sports, así como dunha morea de establecementos comerciais e hostaleiros mediante a aportación de agasallos para o sorteo que se celebrará ao remate da andaina.

Share.

Comments are closed.