A Deputación colabora na aposta de Neda pola axuda a domicilio para mellorar o benestar dos maiores

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitaron hoxe Neda para coñecer de primeira man os servizos sociais do municipio, que funcionan co apoio económico da institución provincial.

Acompañado do alcalde Ángel Alvariño, e de parte do seu goberno, Formoso mantivo un encontro co persoal  que traballa na área social do Concello e cun grupo de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do municipio, no que se interesou polo seu traballo diario e polas súas condicións laborais. O colectivo defendeu a necesidade de seguir mellorando a atención aos maiores, sen pór en risco nin os seus dereitos laborais nin a súa saúde física.

Formoso subliñou que, nos concellos de menos de 20.000 habitantes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, a Deputación financia este ano 111.962 horas de SAF de libre concorrencia. Destaca o caso de Neda con 16.200 horas/ano, sendo o concello que máis horas solicita en toda a provincia. “A atención aos nosos maiores é unha prioridade, de aí que destinemos un 25% do noso orzamento á dependencia e servizos sociais”, sinalou o alcalde.

Compromiso provincial

O presidente provincial incidiu durante o encontro da importancia do traballo que realizan as auxiliares do SAF, “un servizo esencial para coidar dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas”. Reivindicou o compromiso da Deputación neste eido e reclamou un maior investimento por parte da Xunta, precisamente a administración que ten as competencias en materia de política social e atención á dependencia.

Persoal de Servizos Sociais

Cómpre lembrar que no marco do Plan de Servizos Sociais Comunitarios 2024, que conta cun investimento total de 8,3 millóns de euros, a Deputación, non só colaborará na prestación do SAF, que se viu incrementada notablemente nos últimos anos, senón tamén cos gastos de persoal de 34 profesionais especializados no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. En Neda, persoal administrativo e técnico A2.

Finalmente, a través doutros programas provinciais como o POS Social, creado durante a pandemia, os concellos coruñeses poden incrementar os fondos que destinan a financiar a axuda no fogar e, en xeral, ao eido social.

 

Share.

Comments are closed.