Aumenta un 7% a reciclaxe de envases en Neda durante o 2023

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A reciclaxe de envases experimentou unha notable mellora durante o pasado ano en Neda. O Concello recolleu por primeira vez máis de 81 toneladas de residuos procedentes do contedor amarelo. En concreto, foron 5.540 kg máis, o que representa unha suba do 7,27 %, froito dun maior compromiso ambiental da veciñanza.

Segundo os datos facilitados por Ecoembes, en Neda recicláronse un total de 81.740 kg de envases (latas, bricks, bolsas de plástico…), fronte aos 76.200 do ano inmediatamente anterior, un exercicio no que a evolución positiva rexistrada no último lustro experimentara un parón.

En total, cada veciño e veciño reciclou no 2023 unha media de 16, 44 kg de envases. Foran 15,14 kg no 2022 e hai só cinco anos non chegaba aos 13. A tendencia é resultado dunha maior implicación dos veciños e veciñas na reciclaxe, algo que se agradece dende o Concello de Neda. Con todo, queda aínda moito camiño por andar.

Nesta liña, apúntase á necesidade de optimizar nos fogares a selección en orixe dos residuos, especialmente no que atinxe ao colector amarelo. Esta medida resulta imprescindible para reducir a taxa de impropios (residuos que van a parar ao colector equivocado) que supera o 25 %. Dende o Concello lémbrase ademais que o mellor residuo é o que non se produce, incidindo na necesidade de reducir e reutilizar.

O balance de Ecoembes apunta finalmente un lixeiro aumento do número de colectores amarelos repartidos polo municipio, que alcanzan os 180, oito máis que o ano anterior e case o dobre dos existentes hai cinco anos. Un reforzo que, sen dúbida, facilita aos residentes a obriga de reciclar.

Share.

Comments are closed.