Arrancan no CEIP San Isidro os obradoiros nos coles de Neda de trampeo contra a velutina

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O alumnado do CEIP San Isidro participou hoxe no primeiro dos obradoiros do trampeo contra as velutinas, que organiza o Concello de Neda, en colaboración co SPEIS de Narón. A iniciativa busca que o público infantil saiba un pouco máis sobre esta especie exótica invasora, que supón un risco para a produción apícola e tamén, en determinadas circunstancias, para a seguridade cidadá, e sobre como pode colaborar para frear a súa expansión.

Durante o obradoiro, persoal do Servicio de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) e tamén da Asociación Galega de Apicultura falaron do ciclo biolóxico da Vespa velutina sp. Nigrithorax , e de como cada mes de marzo as raíñas emerxen da hibernación e cada unha establece unha nova colonia e comeza a construción do niño primario. De aí a importancia do trampeo. Cada raíña capturada é un posible futuro niño de velutina do que non haberá que ocuparse durante o verán.

Empregando botellas de plástico, os nenos e nenas de 3º a 6º de primaria participaron na fabricación de trampas artesanais para a captura. Unhas trampas que, unha vez engadido un líquido atraínte (200 g de azucre e levadura fresca diluída en auga temperada), poderán colocar no  exterior das súas casas. Lembran dende AGA que unha simple vibración ou ruído pode facer que estas avespas se sintan ameazadas, e ataquen.

Na sesión, informouse aos nenos de como deben proceder no caso de descubrir un niño de velutina, incidindo na importancia de manterse lonxe ( teñen unha carga de veleno catro veces maior que as autóctonas) e avisar ao 112. Mañá repetirase a actividade no CEIP Maciñeira.

Share.

Comments are closed.