Aberto ata o 7 de xuño o prazo para presentar candidatura ao posto de técnico/a de xestión xurídica

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda abre durante 10 días hábiles o prazo para presentar solicitudes para optar á praza de técnico/a de xestión xurídica. Trátase dun posto de funcionario interino, por programa, que se cubrirá mediante o sistema de concurso oposición, e que vén reforzar o cadro de persoal municipal.

Tras detectarse un erro material nun dos anexos e publicarse no BOP da Coruña a corrección das bases que rexerán o proceso selectivo, ábrese ata o 7 de xuño un novo período, acumulativo co anterior, para que as persoas con grao ou licenciatura en Dereito interesadas en facerse co posto presenten a súa candidatura.

Entre as funcións correspondentes á praza figuran, por exemplo, a asistencia letrada en todo tipo de procesos xudiciais que afecten ao Concello; a redacción de informes xurídicos e propostas de resolución ou a asistencia ante outras administracións públicas, baixo a dirección da Secretaría. Entrarán tamén nas súas competencias os expedientes urbanísticos, medio ambiente, actividade e responsabilidade patrimonial; a redacción de ordenanzas ou prestar apoio á Secretaría Municipal.

Para optar ao posto requírese estar en disposición da titulación sinalada (grao ou licenciatura en Dereito) “ou titulación universitaria de grao equivalente e, de ser o caso, a titulación e requisitos complementarios que lle habiliten para intervir en procesos xudiciais de calquera xurisdición”, estar en posesión do CELGA 4 (en caso contrario haberá que superar unha proba de galego), non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera administración e non estar incluído en causas de incompatibilidade.

Na fase de concurso poderán obterse ata un máximo de 3 puntos pola experiencia previa acumulada e 1 pola formación complementaria relacionada co posto, en tanto que a de oposición sumará 6 puntos.

Share.

Comments are closed.