Un flashmob e a presenza dos Festicultores animarán este venres a celebración dos maios en Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda prepárase para vivir este venres a edición máis animada e participativa dos maios. Esta mañá o alumnado dos dous colexios públicos de infantil e primaria ensaiaba por separado a flahmob coa que arrincará esta tradicional celebración, que encherá de “esculturas” florais a zona de Albarón, e que culminará á noitiña coa actuación de Festicultores Troupe.

Da man do centro UPA Un paso adelante os escolares do CEIP San Isidro e do Maciñeira aprendían esta mañá, cada quen no seu colexio, os pasos para a coreografía multitudinaria que bailarán durante a visita á contorna da feira, onde está previsto que  “vistan” as árbores nunha mañá de convivencia, creatividade, e música de raíz.

A celebración dos maios, incluída no programa “En maio, flores e letras”, continuará pola tarde en Albarón cunha invitación, aberta a toda a veciñanza, a achegarse a construír de forma colectiva, co verde e as flores que porá á disposición o Concello ou co que queiran levar da casa, as típicas estruturas florais. E todo, coa animación musical a cargo do grupo Terra Meiga.

Pero aquí non acaba a cousa. A partir das 19 horas, terá lugar o espectáculo familiar de música e monicreques de Os Monifates. E unha hora despois, unha degustación popular de boliños preñados. Por último, ás 21 horas, chegarán Festicultores Troupe co seu potente espectáculo de rúa, cheo de cor e de letras retranqueiras, que promete a mellor fin de festa.

A celebración, froito da colaboración entre os departamentos de Cultura e de Educación, conta co apoio da Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.