Mércores, Abril 23

A 20 edición das Xornadas literarias de Neda afondan na figura poliédrica de Castelao

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será a protagonista da vixésima edición das Xornadas Literarias de Neda. O evento cultural, que se presentábase esta mañá na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, ofrecerá entre o 24 e o 27 de abril unha visión ampla de quen para moitos é o intelectual galego máis destacado do século XX. Escritor, político, debuxante, investigador…

A concelleira de Cultura de Neda, Marián Bello; a secretaria académica de  Humanidades, Pilar Comesaña; e a coordinadora cultural nedense, Copi Villaamil, foron as encargadas de presentar a 20 edición das xornadas, organizadas polo Concello de Neda, co apoio desta facultade da UDC.

Serán catro días de actividades cun bloque inicial de conferencias e cunha morea de propostas complementarias durante a fin de semana, destinadas a fomentar que persoas de todas as idades se acheguen á figura poliédrica de Castelao, neste ano no que se conmemora o 75 aniversario do seu pasamento.

Conferencias

A apertura das Xornadas literarias terá lugar o 24 de abril, a partir das 18 horas, na Casa das palmeiras, cunha intervención da rapazada que integra o Club de lectura A pantasma de papel, do IES Fernando Esquío, e máis a conferencia do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu: “Castelao desta terra e deste tempo”.

O venres 25, no mesmo lugar e á mesma hora-  tres nomes propios ben distinguidos tomarán a palabra para afondar no achegamento a quen foi no exilio o primeiro presidente do Consello de Galicia. Así, Francisco Rodríguez, escritor e crítico literario, presenta a ponencia “Castelao: Galiza con vontade de existir”. Tras el, chegará a quenda do ilustrador e editor Kiko Da Silva.

Finalmente, a profesora de sociolingüística e escritora Pilar García Negro, que vén de reeditar a súa obra Arredor de Castelao no século XXI,  disertará sobre “O valor literario da obra de Castelao”.

Oferta de lecer

Coa fin de semana, as xornadas cambian de escenario e de ton, apostando por propostas culturais máis lixeiras, destinadas a chegar a novos públicos. O artista nedense Leandro Lamas porase á fronte do obradoiro de ilustración “Versioleandro ao Castelao”, destinado a maiores de 16 anos, na Casa da Cultura (sábado 26, a partir das 11 h). E pola tarde (20 h), teatro. Chega á vila “As vellas non deben namorarse”, versión do Grupo Airiños da peza teatral do ilustre rianxeiro.

E como colofón, o domingo 27, a partir das 12 h, no marco do programa infantil de dinamización lectora, Lesme un conto?, prográmase na Casa da Cultura  “Castelao para crianzas. Cantando, ilustrando e musicando a Castelao”, de Lela Edicións.

Share.

Comments are closed.