Xoán García presentará na Casa da Cultura o seu último libro “Neda, camiños de poesía”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O poeta Xoán García presentará en Neda o seu último libro, titulado “Neda, camiños de poesía. Aloumiños na Fervenza”. O acto terá lugar o sábado 27 de novembro ás 18 horas na Casa da Cultura, e as persoas interesadas en asistir xa poden reservar a súa praza chamando ao teléfono 981 39 02 33 (de luns a venres de 9 a 13 h e de 16 a 20 h). Acompañará ao autor Manuel Pérez Grueiro, o que durante anos fora bibliotecario e coordinador cultural do municipio.

A obra foi editada polo Concello de Neda e, ao remate da presentación, o público recibirá un exemplar. Segundo o propio Xoán García, esta publicación “é unha mistura de sentimentos, no que van recollidas materias de carácter literario sobre poesía, narrativa, pensamentos, e fábulas e lendas, tendo como base e guieiro ao Concello de Neda”. Precisamente, neste poemario recopílanse boa parte dos poemas que Xoán García, discípulo do poeta XoséMaría Pérez Parallé, foi adicando ao longo da súa traxectoria ao seu municipio, no que reside dende hai 57 anos. E non son poucos, xa que é o autor que máis poesías adicou a Neda.

A día de hoxe colaborador de diferentes revistas sociais e de poesía, Xoán García ten publicado 8 libros de poemas, 2 de literatura infantil e unha curta obra teatral, así como preto de 500 artigos en xornais e publicacións.

 

 

Share.

Comments are closed.