A celebración en Ferrolterra da cuarta e última etapa da 23ª Volta ciclista a Galicia provocará na este domingo, 14 de setembro, pola mañá restricións no tráfico en Neda. Así, aproximadamente, entre as 10:40 e as 11:10 horas, permanecerán pechadas ao tráfico, para facilitar o paso, e garantir a seguridade dos 120 ciclistas que compiten na proba deportiva, as avenidas Médico Cebreiro, Alxeciras, AC-115 e a avenida de Xuvia.
A etapa decisiva da volta, con saída e meta en Ferrol e 130 km de percorrido, atravesará un total de nove concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. No caso de Neda, a previsión é que os primeiros ciclistas entren pola zona do Puntal ao redor das 10:44 h e accedan ao veciño Narón sobre as 10:52 h.
Policía Local de Neda e efectivos da Agrupación de voluntarios de Protección Civil colaborarán co dispositivo da Garda Civil de Tráfico, controlando as interseccións coas estradas máis destacadas – AP-9, AC-862 – para evitar o acceso de vehículos ao percorrido da proba ciclista. Dende o Concello agradecemos de antemán a colaboración veciñal e a comprensión polas pequenas molestias que poida ocasionar.