“Voces de Ultratumba”, a primeira banda de punk galega integrada só por mulleres, actuará o día 23 na contorna do paseo marítimo de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

“Voces de Ultratumba”, a primeira banda punk galega integramente composta por mulleres, regresa ós escenarios 35 anos despois reivindicando a súa esencia ochenteira e o seu presente interxeneracional. E nesa volta, farán parada en Neda para ofrecer un dos seus potentes concertos. Será o venres 23 de setembro, a partir das 20:30 horas, no paseo marítimo, no porche do Albergue de Peregrinos.

Daquela banda dos 80 permanecen tres das fundadoras: Chus Taboada; Marisé Izquierdo e Eva Izquierdo, ás que se unen no seu regreso Maritxu Alonso e Nuturk. Así mesmo, os selos Ferror Records, Uterzine e Educación Cínica rescatan as súas gravacións orixinais para editalas en formato físico por primeira vez, facendo bo que nunca é tarde para coñecer e divulgar a mulleres pioneiras da historia musical galega.

En 1984, Chus Taboada -cantante e letrista- e Marisé Izquierdo -teclados- activan “Voces de Ultratumba” con tres músicas máis: Eva Izquierdo -guitarra-, Viví -baixo- e Elena -batería-. Eva pasaría máis tarde a tocar a batería e a conformarse como outra integrante máis da argamasa principal. É de sinalar, ademáis, que Chus e Marisé foron grandes activistas culturais, poñendo en marcha un dos fanzines vigueses máis importantes do seu tempo: Escupe.

Tiñan todo para triunfar: unha posta en escea impecable, oscura estética, unha líder con moita personalidade e táboas no escenario, e cancións magníficas armadas con ritmos post-punk e sinistros realmente envolventes.

Con actuacións no mítico Kremlin de Vigo, na Semana do Rock organizada polo Concello de Vigo no parque de Castrelos ou no Porto, gravan varias maquetas e cambian o nome polo de La Traición, pero atopan moitas dificultades para continuar adiante, e finalmente disólvense en 1987.

Share.

Comments are closed.